ELES CHÁMANME YESENIA, PERO EU CHÁMOME TANIA

21 Maio 2009

Despois de moito cavilar e pensar no asunto, e pola contra do que a lóxica me dicía, cheguei á conclusión de que tiña que recordar todo una vez máis.

Non sabía a quen contarllo e como o folio non xulga a ninguén decidín escribilo. Para recordar que o teño que esquecer.

Gustaríame comezar polo meu nome, o auténtico, e non o que eles me puxeron, aquela horrible palabra que cada vez que era pronunciada facía que eu tivese que obedecer, aquela palabra coa que me etiquetaron só porque parecía un nome máis exótico, ignorando o meu pasado. Cada vez que me chamaban a berros sentía que se aproximaba a tortura. Neses momentos daría o que fose por fuxir de alí, moi lonxe.

De pequena desprezaba as rapazas sobre as que tanto oíra falar, as que tiñan esas casas enormes e fastosas nese barrio a onde nós nos achegabamos a buscar comida nos colectores para poder subsistirmos. As súas únicas preocupacións eran iren de festa e pensar en qué podían gastar os ilimitados cartos dos que dispoñían, como máis tarde souben, grazas ó traballo que eu desempeñaría xunto con centos de mozas. Mesmo os seus cans vivían mellor ca nós. Todo era absurdo. O mellor eran as súas discusións de nenas consentidas, cando dicían que querían marchar de alí, que as trataban mal, só porque non lles cumprían todos os seus caprichos ou tiñan que volver demasiado cedo á casa. Ás veces, mesmo dicían que querían morrer, e eu ríame cando as escoitaba mentres rebuscaba no lixo. Ríame por non chorar.

Nunca imaxinei que chegaría a coñecer a un dos habitantes daquelas casas, e menos nesas circunstancias. Pese a ir traxados, ben arranxados e dar mostras públicas de educación e clase, as hostias que daban doían coma as de todo o mundo, e os berros que botaban semellaban atravesarme os tímpanos. O sorriso e esa mirada doce que lucían diante das cámaras desaparecían de súpeto e a súa face tornábase nun espello que reflectía os seus verdadeiros sentimentos, ou mellor dito, o feito de que carecían deles. Esa mirada con tanto odio concentrado facía que eu odiase máis a vida, tanto como aqueles homes a odiaban.

Todo absurdo, sobre todo esa dobre vida que mantiñan… Non sei como podían ir ó “traballo”, estar con nós, e tratarnos desa maneira, e logo volver á casa e seren o pai modélico e exemplar e o marido perfecto. Tanta falsidade repugnaba.

Aínda que eu quizais non poida falar de falsidade. Miña nai sempre dicía que o importante era a familia e non os cartos… ata que comezou a beber. Entón o alcol pasou a ser o máis importante, o que implicaba que os cartos tamén. Non fondo non a culpo, era a súa maneira de evadirse e escapar á loucura que o ambiente que nos rodeaba creaba na atmosfera. Aínda así, non sei como se lle puido pasar pola cabeza facerme o que me fixo. Seguro que os cartos polos que me vendeu só lle deron como moito para pagarse dúas semanas de vodka. Adoraba o vodka, dicía que a axudaba a durmir cando a atacaba ese frío penetrante que só se sente nas rúas. Eu levo meses sen durmir.

Agora que saín de alí, o que non me deixa durmir seguen sendo os golpes. Lémbroos con tanta intensidade que case podo volver a sentir a dor física. E tamén lembro todas as horas que pasei na cama con descoñecidos que me pedían que lles fixese o que querían. Se eu me negaba, máis golpes. A humillación de que te obriguen a prostituírte é algo que non se pode esquecer, nin mesmo vivindo cen vidas. Supoño que é porque unha parte de ti morre, ó mesmo ritmo que a túa dignidade morre e se transforma en cartos nos petos do cabrón que te mantén alí encerrada.

Espero non volver a Romanía, non volver ó meu barrio. Esquecer todo o de alí, pois foi o que me fixo chegar ata aquí. O peor de todo é que agora que acaban de deter o xefe da mafia que controlaba o club onde eu traballaba, atópome de novo na rúa, esta vez en España, un país totalmente descoñecido. A única solución que atopo é seguir coa prostitución, e aínda que agora vai parecer que o fago de forma voluntaria, seguirá a ser o mesmo. Parece que a miña vida está destinada a ser un círculo pechado e repetitivo, no que eu non podo facer nada para evitar que siga así. Non podo cambiar, polo tanto non é a miña vida.

Teño que volver a prostituírme. Para sobrevivir, paradoxalmente, para darlle de comer ó meu corpo mentres morro por dentro.

Eles chámanme Yesenia.

Pero eu chámome Tania.

María Tubío Hermo

Un reflexo no espello

14 Maio 2009

Xa era demasiado tarde. O final estaba demasiado preto, e non nos sentiamos capaces de remedialo. Ocorrera todo tan rápido, que parecía imposible que fose certo. Tiñamos tanto que facer, tantos soños por cumprir, que era inxusto que rematásemos así, perdidos, sen ninguén que soubese onde estabamos, sen ninguén que nos puidese axudar… completamente sos.

Esta última semana fora terrible. Incertezas, temor, dilemas, dúbidas… e esas visións facían estremecer o corpo dunha maneira horrible. Todo era real e, ao mesmo tempo, parecía un terrible pesadelo. Ese lugar, perdido nun monte que ninguén coñecía, fermoso e algo escuro; o ceo lixeiramente encapotado polo día; unha brisa conxelada pola noite; ruídos que non te deixaban durmir, aínda que tampouco eras capaz de conciliar o sono polo propio temor a non volver espertar, non volver ver o teu amigo, non volver ver a túa familia… aínda que cada día esa esperanza se volvese cada vez máis afastada e inverosímil.

Por que se nos ocorrera a brillante idea de ir de excursión? Por que foramos os dous sos? Por que tiñamos que ser tan intrépidos? Non encontro a resposta a estas preguntas. Simplemente era o típico pensamento de a nós non nos vai pasar…” ata que pasa. Unha breve sarabia; uns paus con follas na beira da estrada; un accidente.

-Esperta, por favor, fálame!

Ao principio todo transcorrera de forma normal: foramos pedir axuda, xa que os móbiles non funcionaban onde tiveramos o accidente. Atoparamos aquel pobo practicamente perdido, que parecía saído dun conto de fadas. Casas de pedra, (que probablemente tivesen uns cantos séculos, pero que se mantiñan perfectas), cos pequenos balcóns de madeira desde onde podías ver o amencer; un río de augas cristalinas que arrodeaba o pobo atravesado coa súa ponte tamén de madeira, con deseños antigos; a xente amable… perfectamente fermoso.

-As aparencias rexen o mundo- dixera unha estraña e nova rapaza.

Comezaron a moverse ao unísono. Cólleme a man. Está suando. Percibo a luz que aparece detrás deles. Unha sombra permíteme ver o terrible e tétrico rostro que teño a escasos centímetros. Levanta os brazos coma se fose abrazarme…

E entón foi cando comezou todo. Cambios repentinos, coma buracos no tempo, fixéronnos descubrir o que se agochaba detrás da fermosa paisaxe. O horror era a outra cara da moeda, unha moeda antiga que conta unha terrible historia.

-Que estás facendo aquí? Non terías que estar na túa casa?

-Saímos todos á mesma hora todos os días

Esbozou un sorriso tan fermoso coma perigoso, exhibindo uns dentes perfectamente brancos. Saímos do noso cuarto precedidos pola rapaza, aínda que ela parecía allea á nosa presenza. Asomamos a unha fiestra do bar do baixo da pensión. Todo o pobo estaba fóra. A maioría eran rapaces novos. Algúns nenos.

Podo ver como a el lle fan o mesmo. Pobre Mauro, oxalá puidese salvalo… Cada vez están máis cerca. O medo impídeme pechar os ollos, xusto cando as vexo aparecer…

Saímos para fóra en pixama, e a imaxe petrificounos. Miramos o reloxo, estaba preto das dúas da madrugada, pero na rúa faltarían un par de horas para o crepúsculo. A xente vestía con roupas manifestamente antigas, tanto coma as fermosas casas de pedra. Era o ambiente normal dun pobo da súa época. Mirámonos sorprendidos e inmediatamente pensei que estaría soñando, aquilo era totalmente inverosímil. De socato, todos xiraron a cabeza para observarnos. Comezaron a camiñar cara a nós, cunha invitación que non deixaba lugar a dúbidas. Metémonos dentro a todo correr, e pechamos con chave. Foi inútil.

Son dúas sombras perfectamente sincronizadas que se achegan a nós. Parecen os nosos xemelgos, os chamados Ainara e Eleazar. O noso maior pesadelo. Substitúen os nosos raptores, e enfróntanse a nós.

-Por fin nos coñecemos -dixo mentres levantaba lentamente os seus brazos.

Podo ver como a Mauro lle fan o mesmo. Un reflexo no espello. Comezo a sentir unha conxelada brisa subindo polas miñas costas; son as mans do meu reflexo.

-Por que?

-Hai cousas que non teñen explicación- di cun sorriso amable- Teñen que ser e punto. Así todo será mellor, sen aparencias. Creme, isto nunca tivera que ter pasado, pero sempre hai quen desexa o mal aos demais. Non sentirás nada…

Sinto como se me conxela todo o corpo. Escuridade e nada máis.

-Ainara, óesme? Esperta, por favor, fálame!

É Eleazar quen me chama.

-Perdín o control da carruaxe e tivemos un accidente. Está sarabiando, había uns paus con follas na beira da estrada.

Sara Hermo Nieto

Barbantia, La Voz de Galicia. 27 de Marzo do 2009.

Homes de ben

Cerca dun pequeno pobo ocorreu algo que me fixo pensar. Un rapaz pequeno aprendeu a pensar e, non obstante, castigóuselle por iso. O rapaz obtivo o seu castigo, tan só por pensar. Tentar ser persoa foi o seu erro. E por iso perdeu a vida. O rapaz tiña unha enfermidade que provocaba que pasase longas temporadas na cama, e iso foi a súa bendición, e a súa perdición ao mesmo tempo. Deitado na cama lía moito, xa que non tiña televisor, e ler era a mellor forma de facer que o tempo pasase rápido, e así acurtar aquelas longas tardes de soidade. Lía libros de todo tipo, dende filosofía a política, dende ciencias a música. O rapaz desenvolveu unha cultura envexábel. Foi medrando, e co tempo converteuse nun estudante modélico. Sacaba sobresalientes en todo. Pero era diferente ao resto, xa que non sacaba boas notas por estudar moito, senón por lembrar e pensar. O que estudaban o resto, el xa o coñecía, co cal partía con vantaxe respecto dos demais. Discutía moito cos profesores, cuestionaba o seu modo de impartir clase, os seus coñecementos xerais, criticaba mesmo o seu xeito de ser. Gañou mala fama e castigos por mal comportamento tan só por non conformarse e acatar o que lle dicían, cando sabía que os outros se equivocaban. Moitas veces oímos frases do tipo “non serás ti quen está equivocado, e non todos os demais?”. Son frases moi curiosas, xa que as persoas intelixentes e con coñecementos, por desgraza, resultan ser unha minoría ao lado das persoas ignorantes. A súa rebeldía consistía en pensar, que nos tempos que corren, resulta ser o maior acto de inconformismo posíbel. O rapaz converteuse en home. Tentaba axudar os demais, pero sempre dende o punto de vista crítico. Dálle un peixe a un home e comerá hoxe, ensínalle a pescar, e comerá todos os días. Non obstante, a ninguén lle gusta que critiquen a súa forma de facer as cousas. Esa foi a súa perdición. Os seus estudos servíronlle para dedicarse á xustiza, o seu valor favorito. A todos nos gusta clamar pola xustiza, mais cando a xustiza nos é aplicada, pasa a ser inxustiza ante os nosos ollos. As barreiras de papel ardían baixo os seus pés. Mandou ao cárcere a un home que matou a un rapaz causante da morte do seu fillo nun accidente de tráfico. Ese rapaz dera positivo no control de alcoholemia, co cal, ante os ollos do pai, era culpábel da morte do seu fillo. Así, colleu a súa motoserra e acabou coa vida do rapaz. O home foi preso, por facer xustiza ante os seus ollos, xa que o rapaz só levou unha amoestación, e iso non era suficiente pago pola morte do seu fillo. Mentres estivo no cárcere, a súa muller deixouno, a filla que lle quedaba marchou lonxe del. Quedou completamente só. Ansiaba xustiza, xustiza contra o culpábel de que o condutor quedase ceibe. O responsábel da súa soidade. Cando saíu do cárcere, volveu coller a motoserra e esperou o xuíz que o condenou a unha vida de dor. Cando este chegou, atopou a morte, que vestía zapatos brancos, a cor das barreiras de papel, a cor da xustiza, a insípida cor da dor. A súa muller quedou soa, a súa filla desolada. A súa rebeldía, a

súa razón e a xustiza derretéronse baixo o seu sangue quente, que aínda mantiña o cálido sabor da dor sobre o cemento. Un bo xuíz, perdeu a vida por tentar aplicar a xustiza. O dócil vento levouse a vida dun home xusto, e nubroulle a razón a outro. Un anubado día de verán escribín uns versos que servirán de colofón a este relato e espero lles fagan pensar un intre no que nel ocorre. As persoas, coas mellores intencións, cambian segundo as circunstancias, xa que no fondo somos só iso, un cúmulo de circunstancias.

A necesidade dun novo día abriu/ as cartas ao amencer./ A dor inqueda cubriu/ a triste esperanza do ser./ Os homes bos/ clamarán xustiza/ mais o vento temeroso/ abrirá as portas dun novo día./ As estradas dun futuro incesante/ serán tecidas no tempo/ pola gran bondade/ do dócil pensamento.


José Ramón Laíño Franco

Barbantia, La Voz de Galicia. 19 de Decembro do 2008


Queridos Reis Magos, Papá Noel, ou como queira que sexades:

Moitas veces me negaron a túa existencia. Que parvada! Iso é tan estúpido como dicir que a amizade, o amor, a inimizade, ou calquera outro sentimento non é máis ca imaxinacións infantís. Vós sodes iso: as ilusións, os desexos humanos; dende a máis lixeira esperanza ata o maior anhelo. Só porque non teñan forma humana deixan de ser reais? Que máis dá que vos chamemos Gaspar, Santa Claus ou rato Pérez. Un desexo é un desexo, teña o nome que teña.

Certo é que, sendo así, escribir esta carta é unha estupidez. Pero, como humana que son, na miña imperfección, preciso expresar os meus medos, alegrías e, neste caso, desexos. E está é a miña maneira.

Xa o ano pasado pedín cinco cousas, mais todas me foron concedidas. Evidentemente, non foron cousas materiais, como poderían ser unha bicicleta ou unha boneca. Non, foron auténticos desexos, cousas polas cales o daría todo. Cousas que tan só a esperanza e a ilusión me poden conceder. E iso mesmo quero facer este ano.

En primeiro lugar, quero un futuro. Vexo a miña nai, e o seu sorriso cando me viste para ir á escola, a pesar das miñas queixas matutinas. Vexo a meu pai, satisfeito o primeiro día de mes, e cheo de ideas nas que investir o seu soldo. Vexo a meu irmán, gozando da súa vida universitaria, onde pode vivir a amizade e o amor nas súas carnes, en estado completamente puro. Quero ter opción a ser coma eles, a pasar por todas as experiencias que esta vida me ofreza. Quero, simplemente, vivir, ata que, máis tarde ou máis cedo, non me sexa posible.

Por outra parte, desexo sorrir. Máis a miúdo do que me gustaría sufro de envexa, ira, celos, orgullo… Non podo evitalo. Pero quixera apreciar os momentos nos que, pola contra, os pecados capitais non asolan a miña mente; os momentos nos que son os sentimentos positivos os que enchen o meu corazón. Quero gozar deses momentos de paz; das horas baixo o sol, xogando cos meus amigos no parque, rindo sen razón. Quero sentir os abrazos de miña nai, e todo o cariño que estes implican. Incluso o sabor azucrado dos doces que collo da despensa antes de comer, aínda que me gañe unha reprimenda por culpa del, merece ser apreciado. Quero deleitarme, como di miña avoa, “como un neno” o resto da miña vida.

O meu terceiro desexo é o da forza de vontade. Vexo, día a día, como a xente se rende, como deixa de loitar polo que quere ante a mínima adversidade. Eu non quero ser así. Quero desexar cousas como as que agora escribo aquí, ilusións verdadeiras, e pelexar con todas as miñas forzas por elas. Non desistir; conservar os meus folgos aínda que todo pareza perdido; loitar, ata que o soño morra. Porque, cando un soño morre, é porque se fixo real.

O cuarto sempre foi un dos meus favoritos. Desexo máis vidas. Non falo da resurrección. Falo doutras vidas humanas que me acompañen na miña vida. Amigos, pais, mozos, irmáns… Todos eles escoitaron as miñas penas e alegrías. Con eles compartín a miña vida ata agora. E tamén levo un pouco das súas en min. As súas formas de pensar, as súas experiencias, forman tanto parte de min coma os meus propios brazos. Esta diversidade é a que permite que a xente sexa como é; a verdadeira responsable do altruísmo, aínda que tamén da envexa; é, en xeral, unha das causas dos sentimentos humanos. Que sería de nós vivindo sós neste mundo? Que clase de existencia é a dun ser totalmente apartado da súa especie? Que son as tardes do domingo sen un paseo pola praia no que desafogar o que sentes? Como se debe sentir unha persoa que non ten outra na que apoiarse cando o precisa, ou á que contarlle as súas alegrías? Non. Eu non quero ser ningunha destas. Quero ós meus amigos. Quero que sexan parte de min. E quero formar parte deles.

Aínda que me parece que este desexo é un tanto excesivo, non podo evitar que sexa o meu quinto desexo, pois, realmente, é o que máis me gustaría. Quero que, este ano que chega sexa igual de bo ca estoutro que queda atrás. O 2008 foi un ano cheo de bos e malos momentos. En xeral, de momentos que recordar, momentos polos cales sentirse viva. Quero que o 2009 me faga rir. Quero que me faga chorar. Quero, simplemente, vivilo con toda a emoción coa que a vida merece ser vivida.

E, a pesar de que xa sei que pedín os cinco desexos, teño que engadir un último: non desaparezades cando creza. Porque vós, as ilusións, a esperanza, en xeral, a felicidade, sodes os que conformades a verdadeira vida.

Isabel González Suárez

Barbantia, La Voz de Galicia. 28 de Novembro do 2008

Áurea, velida.

A escuma anódina do orballo lusitano foi a fiel testemuña daquel desembarco no amencer, cuxo periplo iniciático envolto nas falacias dos beixos do seu namorado non era máis que unha escusa pueril para afastarse.

“Levantous’a velida, levantous’a alva…” mais, cando se ergueu, el xa desaparecera para narrar as crueis fazañas do céfiro lascivo que lle impedía á rapaza debuxar espirais efémeras de saloucos diletantes… Talvez, a feble consigna de agardar polo seu cabaleiro nocturno á beira do porto non era a resolución máis factíbel, mais xa ben se sabe que despois da rotura do brial o senso erótico xa non é tan perspicaz… é un axioma que até o corazón máis enxoito de bágoas e máis farto de agarimos expertos pode corroborar.

O que xa non estaba tan claro era o que ocorrería despois. Que acontecería despois de confeccionar berros esquizofrénicos na noite espida e asoballada? Que acontecería despois de pescudar rutas labirínticas e míticas a través dos recunchos eclécticos do pensamento? Que ocorrería cando os fragmentos do esquezo remataran co osíxeno da súa entelequia?

A rapaza permanecía sempre absorta e enaxenada nas súas cavilacións, anexionando imaxes precedentes na súa mente anguriada, adoecida e roída pola vertixe dos recordos que provoca a nostalxia ao bater directamente cos dominios da razón… pero o peor de todo eran as epístolas, as apoloxías e as xaculatorias (incluso as invectivas e as imprecacións, nos intres de maior éxtase e desesperación) con destinatario explícito, pero sen enderezo.

O derradeiro sopro de inquedanza semella evidente ante a pupila dilatorial dun deus demagogo (“Oh Deus, amostrade-mi os olhos seus”), pero morrer de amor é demasiado sinxelo: Áurea ficou no porto amenceres e solpores, albas e alboradas, con engurras e sen elas, ao luar e ás escuras, con convición e sen dúbidas até que lle apodreceron as raíces da memoria… é moito menos doado, crédeme.

Ánxela Vidal Triñanes

Barbantia, La Voz de Galicia. 31 de Outubro do 2008.


Palabras en desuso XXIV

Atiaxada: Acampanada, aparvada.

Estou atiaxada, ando medio sonámbula.

(Barbanza)

Escanar: Medrar ou estirar moito.

O rapaz escanou outra vez.

(Barbanza)

Panxemas: Roncha pola picadura dun insecto ou alerxia cutánea.

Tiña todo o brazo cheo de panxemas.

(Barbanza)

Palabras en desuso XXIII

Faldiqueira: Bolso que levaban as mulleres na cintura coa función de moedeiro.

Leva na faldiqueira moito diñeiro.

(Cures)

“Imos alá co rabo da pá”: Marchar, irse.

(Frase típica de Abanqueiro)

Meterse na cama con tripas e rabo: Meterse na cama vestido.

Tiña tanto sono que se meteu na cama con tripas e rabo.

(Abanqueiro)

“Vouche comer as alegrías!”: Frase típica de distintas localidades barbanzanas, que expresa o anoxo dunha persoa que pretende pegarlle a outra.

Ven aquí deseguida, senón vouche comer as alegrías.

(Barbanza)

Palabras en desuso XXII

Calfurras: Persoa desaliñada, que anda coa camisa por fóra do pantalón.

O borracho aquel parecía un calfurras.

(Palmeira)

Ghullighulli: Bulebule, persoa moi inquieta, que non ten “paranza”-

Ese alumno é un ghullighulli que non para de moverse.

(Palmeira)

Esghanaghatos: Persoa moi delgada.

Aquel neno non comía nada, parecía un esghanaghatos.

(Palmeira)

Verse nun cribo. Non vérselle o pelo a alguén.

María vese por un cribo, leva moito tempo sen vir.

(Palmeira)

Palabras en desuso XXI

Barallar: Mentir.

Non pararon de batallar sobre o que fixeran a fin de semana.

(Cures)

Rechinar: Xogar os nenos, ás veces de forma molesta.

Ide rechinar a outro lado, que queremos descansar.

(Distintos lugares da Barbanza)

Facer a batendeira: Montar barullo os nenos xogando.

Os nenos non paraban de facer a batendeira e os veciños queixábanse.

(Palmeira)

Escachapedras: Neno moi trasto.

Ese neno é un escachapedras, non para quedo nun sitio.

(Palmeira)

Palabras en desuso XX

Cachiporra: Cantimplora.

Levaron a cachiporra á excursión ó Laurel.

(Cures)

Cochar: Tapar.

Alá neno, cocha, que xa é tarde.

(Cures)

Cochar. Durmir, especialmente en referencia a un neno pequeno, de forma cariñosa.

Aquel cativo cochaba tranquilamente mentres a música soaba suavemente.

(Palmeira)

Cocho: Lugar recóndito, gorida.

Esconderon os cartos no cocho.

(Palmeira)

Olark Livehelp